Do poemario Sonora

Se o que preguntas é

«ves fantasmas?»

a resposta é «non»

a resposta é

«fago uso dunha das fórmulas éticas da fala

daquela que se corresponde coa figura poética da vida,

podo situalas, as aparicións, na árbore e nas ribeiras

isto implica que

as miñas arterias deben contar con eles

todos os meus órganos deben contar con elas

darlles un lugar»

Se preguntas «ves fantasmas?»

a resposta é «non»

a resposta é «o idioma constrúe en min unha horta para os defuntos

eles/elas son a memoria un corazón e a linguaxe

todos os meus órganos lle ceden o lugar»

O ceo

con toda as súas luminarias xeómetras

non é diferente á árbore na que se che aparece

Estende a mao, agarra o norte

A noite é outra coa terra

*****

De momento

trato cunha maxestade

tratamos sobre un papiro con escrituras

o desenlace non me incomoda

o papiro nunca será meu

de momento

dou chegado ao fondo dos océanos,

antes de acordar

escribo catro liñas nas que relato

a cuestión sobre a que quero escribir,

a presión da auga nas miñas pálpebras

é moi molesta

regreso

non lembro o escrito no final dos mares

o río é un río

eterno

irrompe desde o ceo

cheo de troitas e salmóns.

Desexo compor un poema que escriba

que as ursas os salmóns as troitas e o río

son eternas

non me incomoda a orde das secuencias:

subo, contemplo un panorama, abro o libro

leo, pecho portas e ventás

miro no meu interior

leo na propia entraña a escritura que é máis íntima que o máis íntimo que eu poida concibir; esa folla con escrituras e mais eu recoñecémonos

o que me alerta é:

[ese papiro con escrituras que hiberna coma as ursas que devoran troitas e salmóns no río,

que irrompe desde o ceo, que é o cume dunha montaña desde a que eu contemplo un panorama

que sen dúbida me recoñece e eu verifícoa como se aceptan dúas entidades que nunca precisaron para comunicaren entre si a linguaxe articulada e son completamente íntimas e alleas]

esa escritura con forma de poema

de momento,

chámase Hades?

*****

1

Un fento abre a terra coa espiral pechada

eu durmo sobre esa terra

cedo o lugar

2

O paxaro é moralmente superior á posibilidade sapiens de reducir unha meniña á escravitude sexual

Unha lontra é moralmente superior á capacidade sapiens de extraer plusvalía das almas

O corpo dunha miñoca, moralmente superior ás infinitas posibilidades da avaricia

sen dereito a montaña é previa e superior ao dereito da miña pertenza

*****

Cae a noite

a luz única e feble

está sobre a páxina

nela un home dispón grandes lenzos

éncheos con terra da horta

que foi da casa

anoa os puntos cardinais

son vultos transportables

de lado dun gran valo de pedra

os ollos afanse na tebra ao fulgor das teas

o rigor

dará conta destas sacas

alzará os retallos

axítaos como o vento move as velas da nave

terra e cinza no ángulo da páxina

lévoa sobre o beizo

coma quen se adorna do pétalo dunha caléndula ou flor da marabilla

nunha das críticas o filósofo escribiu

que gritamos porque ao nacer somos sen defensa

porque amamos a saída

a evasión

o paso das fronteiras

o natal o loito son ingrávidos

a placenta que nos envolveu e a terra que se desprende

o desexo

*****

para Alba Cid

Elixín os anos de Tobías

a idade perfecta

para coñecer como arde o corazón

e o poder do fel que abre a visión sen cólera

Do anxo

imitei un camiñar na punta dos pés

non escribín

«os grandes mestres da pintura coñécenme»

Sabemos do desexo cando se abre en nós

non verei os minaretes de Herat

irei nun taxi cara ao aeroporto pola Sheikh Zayed Road

non escribirei

«as torres do golfo coñécenme»

Todos os meus pretéritos son perfectos

a todos lles son allea,

os meus pés non se suceden

pérdense

nas fragas queimadas

nas cinzas que se camiñan sen sandalias

e son amables

coma un resplandor de ánimas

que ao raiar a alba

desaparecen

Chus Pato (Ourense,1955)  é autora de doce poemarios, publicados entre 1991 e 2023, polos que recibiu varios galardóns como o Losada Diéguez, o Premio da Irmandade do libro, o Premio da crítica de poesía galega, o Clara Campoamor ou o Premio da Crítica de Galicia na modalidade de Creación literaria. Destacamos a pentaloxía Decrúa, antes método que inclúe m-Talá, Charenton, Hordas de escritura, Secesión e Carne de Leviatan e tamén o seu último libro Sonora que se alzou co Premio Nacional de Poesía 2024. Sete dos seus libros foron traducidos ao inglés por Erin Moure e publicados en Gran Bretaña, USA e Canadá; outros foron publicados en países como Arxentina, Portugal, Holanda, Bulgaria e Francia. Seleccións dos seus poemas foron traducidos ao catalán, éuscaro, castelán, polaco, árabe clásico, francés, romanés , ruso, alemán, e esloveno. A súa obra foi recollida en decenas de antoloxías nacionais e internacionais. Participou en múltiples festivais tanto no continente americano como en Europa, África e Asia. No 2015, a súa voz foi incorporada ás gravacións da Wood berry Poetry Room de Havard. O 23 de setembro do 2017 ingresou como membro de número na Real Academia Galega. No 2022 leu na cidade  de Ptuj a súa Carta aberta a Europa. A editorial Ultramarinos publicou  catro volumes de Poesía reunida de Chus Pato un proxecto que presenta a súa obra traducida ao español por Gonzalo Hermo. Viven preto da fraga de Catasós, onde se conservan os castiñeiros máis altos de Europa.